martes, 22 de enero de 2013

Liga galega de Xadrez


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.

XORNADA: 2ª Xornada



A Liga Galega de Xadrez de volta no CUVI.

A segunda xornada da Liga Galega de Xadrez 2013 trouxo a estrea dos equipos da Universidade de Vigo na casa.

Unha nova tempada con moitos e grandes retos por diante. Os universitarios defenden a coroa de Campión de Galicia, e o seu posto na Primeira División Nacional.

Outra das novidades máis destacadas foi a presentación do “UVigo 2020”, un equipo no que terán cabida os xogadores do programa de Promoción do Deporte en Idade Escolar, desenvolvido pola Sección de Xadrez da Universidade de Vigo.


A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:

División de Honra:    “Universidade de Vigo”  4.5 – 1.5  “Círculo Chantadino”

Primeira División:      “UVigo-XG”  1.5 – 2.5  “ENCE-Xadrez Marín”

Terceira División:      “UVigo 2020”  4 – 0  “Xadrez Tui C”

 CRÓNICA:



DIVISIÓN DE HONRA

Vitoria clara ante un dos debutantes da categoría, o “Círculo Chantadino de Xadrez”.

Os puntos acadados por Miguel Senlle, Francisco Carrera, Alberto Estévez e Pablo García, máis o empate de Manuel Pena fronte o Gran Mestre serbio Dragan Paunovic, subiron ó marcador o 4.5 a 1.5 final. O punto para os de Chantada sumouno Tomás Alonso tras unha gran partida na que sorprendeu o Mestre Internacional universitario, Diego Guerra.

Trala derrota pola mínima da xornada inaugural ante o Xadrez Ourense, o Universidade de Vigo acende os motores e comeza a recuperación da desvantaxe co actual líder que é o “Círculo Ferrolá de Xadrez” con 9 puntos e dúas vitorias.

  

PRIMEIRA DIVISIÓN

O UVigo-XG é un equipo integrado polos mozos máis avanzados do proxecto escolar da Sección de Xadrez, máis os alumnos da Universidade de Vigo que retomaron a práctica deportiva co programa das Escolas Deportivas Universitarias. Nesta categoría van completando a súa formación e adquirindo maior experiencia en competición, sendo incluso moitas veces chamados ó primeiro equipo polo capitán, o Mestre Internacional Pablo García.

Nesta xornada non puideron repetir a vitoria da semana pasada e caeron por un axustado 1.5 a 2.5 fronte o ENCE-Xadrez Marín A. Vitoria para Jose Ramón González, empate de Manuel Lorenzo e derrotas de David Pérez máis de David Lorigados.



TERCEIRA DIVISIÓN

Decepción para os rapaces do UVigo 2020, pero non polo resultado, senón pola non comparecencia do equipo rival, que fai que teñan que agardar unha semana máis para poder sentar diante do taboleiro e defender as cores da Universidade de Vigo. O día anterior o Xadrez Tui C comunicou á Federación Galega a súa intención de non comparecer máis a probable baixa da competición, por problemas de loxística do Club.

O resultado computa coma un 4 a 0 para o equipo universitario.
 


PRÓXIMA XORNADA:

A próxima xornada disputase o vindeiro sábado 26 de xaneiro, cos seguintes enfrontamentos:

DIVISIÓN DE HONRA         Distribunosa Padrón-Rianxo  –  Universidade de Vigo

PRIMEIRA DIVISIÓN          Xadrez Bueu A  –  UVigo-XG

TERCEIRA DIVISIÓN          Xadrez Tui B  -  UVigo 2020


Toda a información dos equipos de xadrez da Universidade de Vigo, na súa páxina web, www.webs.uvigo/xadrez  e na páxina web oficial da Federación Galega de Xadrez www.fegaxa.org