jueves, 21 de febrero de 2013

Liga galega de Xadrez


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.
XORNADA: 3ª Xornada
Na senda da recuperación.
O Universidade de Vigo suma a segunda vitoria na Liga Galega de Xadrez. Un claro 1.5 a 4.5 que lle permite recuperar parte do camiño perdido coa derrota na xornada inaugural.
Trala disputa da terceira xornada da liga o primeiro equipo universitario sobe o cuarto posto da xeral, a tan só 2 puntos do primeiro clasificado.
Sorte dispar para os filiais, caeu derrotado o “UVigo-XG”, en Bueu, ante un dos mellores equipos da Primeira División, e novo 4 a 0 para os rapaces do “UVigo 2020”, que se desprazaron ata Tui.
A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:
División de Honra: “Distribunosa Padrón-Rianxo” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”
Primeira División: “Xadrez Bueu A” 3 – 1 “UVigo-XG”
Terceira División: “Xadrez Tui B” 0 – 4 “UVigo 2020”

CRÓNICA:

DIVISIÓN DE HONRA
“Distribunosa Padrón-Rianxo 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”. Unha vitoria cómoda dos de Pablo García no seu desprazamento ate Rianxo. O equipo “fusión” entre pementeiros e rianxeiros foi o beneficiado da renuncia do Marcote a súa praza na División de Honra, nembargante todo apunta a que, un ano máis, terán moitas dificultades para manter a categoría.
A piques estivo o equipo universitario de acadar o primeiro pleno da tempada, pero un exceso de confianza de Alberto Estévez nunha posición na que dispuña de vantaxe, fíxolle omitir un golpe táctico do seu rival que resultou definitivo. Xa na quinta hora de xogo, o capitán remataba por ceder un empate ante a férrea defensa do seu rival.
As vitorias chegaron das mans dos Mestres Internacionais Rafael Rodríguez máis Diego Guerra, dun Avelino Leirós que está a desenvolver un xogo moi técnico e de suma precisión, e de Manuel Lorenzo, un dos mozos do filial que gozou da confianza do capitán e demostrou o por qué da súa progresión ascendente.
A anécdota da xornada estivo no apresamento accidental de Alberto Estévez no elevador da sala de xogo, non estaba debidamente sinalizado e o xogador universitario quedou retido case unha hora ate a chegada do técnico do concello que o liberou. A súa partida foi aprazada e comezou co citado retraso máis o susto do xogador.

PRIMEIRA DIVISIÓN
O UVigo-XG encaixou a segunda derrota da tempada, pese a enfrontarse a un dos equipos máis fortes da división, non están a ter un comezo moi regular.
3 a 1 para o equipo local, o Xadrez Bueu A. O punto dos de Vigo acadouno un inspirado Jose Ramón González, que está a ser un dos mellores deste inicio de tempada. Foron derrotados David Pérez, Eugenio Martínez máis Adrián Alfonso.
TERCEIRA DIVISIÓN
Volta ós taboleiros dos máis novos, os rapaces do UVigo 2020, que, literalmente, pasaron por riba do Xadrez Tui B. Un 0 a 4 que di moito da vitalidade e entusiasmo dos benxamíns da Universidade de Vigo.
Os nomes propios desta xornada foron os de Oscar Castro, Pedro González, Alan Van Loo máis Pedro Rodríguez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario