jueves, 21 de febrero de 2013

Liga Galega de Xadrez.


COMPETICIÓN: Liga Galega de Xadrez.
XORNADA: 5ª Xornada

O Universidade de Vigo colle o temón da Liga Galega de Xadrez.
Catro xornadas despois da inesperada derrota inaugural, o primeiro equipo universitario recupera a desvantaxe acumulada e xa é o líder da División de Honra. Liderado apoiado nunha extraordinaria vitoria acadada fronte o “Círculo Ferrolán de Xadrez”. 1.5 a 4.5 nunha das saídas máis incómodas, e fronte a un dos rivais máis fortes da competición.
Os equipos filiais perpetúan o seu “via crucis” particular, o “UVigo-Xadrez Galego” encaixa un severo 4 a 0 a mans do “Liceo Ourense”, e o “UVigo-XG 2020” caeu 1 a 3 fronte o “Xadrez Albatros C”.
A xornada deixou os seguintes resultados para os equipos de Vigo:
División de Honra: “Círculo Ferrolán de Xadrez” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”
Primeira División: “Liceo Ourense” 4 – 0 “UVigo-Xadrez Galego”
Terceira División: “UVigo-XG 2020” 1 – 3 “Xadrez Albatros C”

CRÓNICA:
DIVISIÓN DE HONRA
“Círculo Ferrolán de Xadrez” 1.5 – 4.5 “Universidade de Vigo”.
“Un golpe de autoridade ante un dos firmes aspirantes á coroa do vixente Campión Galego, o Universidade de Vigo”
Vitoria moi traballada e con duras loitas desenvolvidas, loitas nas que a calidade técnica dos de Vigo inclinou a balanza no seu favor. As excepcións estiveron na partida de Páramos, que se impuxo dunha maneira moi doada tras un erro grave de cálculo do seu rival, e na dun Leirós que encaixaba a primeira derrota da tempada, tras unha elección estratéxica, pouco axeitada, que o rival soubo aproveitar. As catro partidas restantes engadiron a pementa que fixo do encontro un espectáculo moi emocionante pola incerteza do desenlace. O capitán, Pablo García, atopábase nunha posición con vantaxe, pero xogando cos trinta segundos de incremento que se reciben por xogada
realizada, fronte ós máis de 60 minutos do rival, un feito que lle fixo ofertar un empate, o rival rexeitouno coa intención de sacar proveito do apuro de tempo pero topou cunha técnica impecable do capitán que rematou por impoñer a súa vantaxe na posición. Na de Rafael Rodríguez, a situación inversa, o xogador de Vigo cunha hora no reloxo e o seu rival cos trinta segundos, así nunha posición igualada o ferrolán non foi quén de defenderse. Manuel Pena xogaba unha das súas partidas favoritas, unha posición de caos total e ambos xogadores con pouco tempo, e cando semellaba que estaba a piques de inclinar o seu rei, atopa unha combinación incrible que forza o reparto do punto. E por último Alberto Estévez, ó que desta vez o capitán lle prohibiu achegarse ós elevadores, xogaba unha partida longuísima na que con ambos contendentes sen case tempo, tivo que resolver un final técnico moi laborioso, no que tiña unha vantaxe dun peón. Cando así o fixo sumábase o punto definitivo que deixaba o marcador no 1.5 a 4.5.

PRIMEIRA DIVISIÓN
O UVigo-XG encaixa unha nova derrota, e xa son catro en cinco xornadas. Uns resultados que o sitúan nos postos de promoción de descenso, a piques de chegar o ecuador da competición.
Un severo 4 a 0 foi o resultado encaixado fronte o “Liceo Ourense”, un dos equipos máis experimentados da categoría que non deu opcións ós de Vigo.
Xogaron pola Universidade, Phil Adams, Eugenio Martínez, Jose Ramón González máis David Lorigados.
Roberto Paramos (Corpo Técnico): “Temos un equipo moi completo, con capacidade máis ca suficiente para saír dos postos da parte baixa. Toca mirar cara adiante e pensar xa no seguinte enfrontamento fronte o pechacancelas da categoría, o “Celanova A”.

TERCEIRA DIVISIÓN
As promesas do “UVigo-XG 2020” tampouco tiveron o seu día, e caeron na casa fronte o equipo de A Guarda, o“Xadrez Albatros C”.
O punto para os de Vigo acadouno “Rubén Fernández”. Tamén xogaron Joaquín Fernández, Lucas Bernárdez e Joel Roug.
O equipo das promesas distánciase un chisco dos postos de ascenso á Segunda División Galega, nun ano do seu debut no que o principal obxectivo e o de adquirir experiencia na competición.

No hay comentarios:

Publicar un comentario